Do 10 ao 14 de maio vai ter lugar na Sede Afundación A Coruña o festival de animación IMAXINARIA! Un proxecto que xurde da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, e que teño o pracer de dirixir xunto Alberto Vázquez! 😉
Na web do festival podedes acceder a todos os contidos, descargar o programa e reservar a vosas entradas.
O festival enmárcase no programa de Cultura por Alimentos de Afundación, polo que todas as actividades serán de balde a cambio de traer alimentos non perecedoiros que se destinarán ao Banco de Alimentos local.
Aquí a cabeceira do festival, onde contamos para a imaxe cunha estupenda ilustración da artista Cristina Daura
Ademais da FeliiC, esta fin de semana tamén van ter lugar os encontros Open MiiC!
Encontros informais entre público e artistas, onde as ilustradoras e ilustradores explican as pezas que teñen expostas na IV Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, IMAXINARIA.
Os encontros buscan favorecer o diálogo directo entre obra, artista e público, desentrañando o proceso creativo, a técnica utilizada, a temática que agocha cada peza e o entendemento subxectivo da obra por parte do que a observa. Unha oportunidade para acercarse ao traballo e proceso creativo dos ilustradores e ilustradoras.
Organiza: Deputación da Coruña // Colabora: Afundación Obra Social. ABANCA
Lugar: Sede Afundación Santiago (Rúa do Vilar 19). De balde ate completar aforo.
Este sábado vai ter lugar a FELiiC: Feira de Edición e Libro Ilustrado no marco das actividades de IMAXINARIA, IV Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea que segue na Sede Afundación Santiago e que podedes ver ata o vindeiro 18 de febreiro.
A FELiiC é unha iniciativa que se centra na edición e autoedición de libros ilustrados que están relacionados directamente cos traballos das ilustradoras e ilustradores que participan na MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea), facendo especial fincapé, ademáis, na difusión do Premio Castelao de Banda Deseñada organizado pola Deputación da Coruña.
A xornada vaise distribuir en torno a un programa de charlas que teñen como finalidade acercarnos ao traballo de artistas, facer unha radiografía da situación actual do sector, e indagar nas novas tendencias en canto a contidos. O evento completase cunha pequena feira onde o público poderá mercar as publicacións das autoras e editoriais convidadas, así como as novidades editorias no eido dos libros ilustrados.
O obxectivo de FELiiC é resaltar a importancia do traballo das ilustradoras e ilustradores á hora de ter que completar unha narración literaria a través das súas interpretacións ilustradas, así como cando se enfrontan ao momento de crear os seus propios proxectos co fin de ser editados ou autoeditados. Ademais, resalta o traballo das editoriais que apostan por edicións moi coidadas onde a ilustración é tan protagonista coma o texto, poñendo así en valor o formato do libro ilustrado como un todo artístico que enriquece e fomenta a lectura.
MiiC na Rúa é unha actividade impulsada polo Concello de Santiago de Compostela dentro do marco de IMAXINARIA, IV Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea que ten lugar na Sede Afundación, sita no número 19 da rúa do Vilar.
Berto Fojo, Natalia Umpiérrez, Perrilla e Twee Muizen, son os artistas escollidos para intervir artisticamente catro escaparates da devandita rúa. Establecementos como a emblemática Sombrerería Iglesias ou a Mercería Algui son algúns dos locais que forman parte do proxecto. Completan o percorrido a Librería San Pablo e o escaparate de Asthor Decoración.
MiiC na Rúa persigue dinamizar o espazo público que rodea a mostra, concretamente as rúas que a circunda, buscando que estas se identifiquen como unha extensión natural da propia exposición, acercando a ilustración ao día a día do casco histórico de Santiago de Compostela, ao mesmo tempo que se pon o foco na importancia dos comercios locais como dinamizadores económicos e culturais.
MiiC na Rúa tamén conta coa colaboración de Afundación. Obra Social ABANCA.
As intervencións poderanse ver ata o vindeiro 19 de decembro.
A IV Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea xa está en marcha!
A imaxinación como refuxio, inspiración e xermolo fundamental do proceso creativo, é a premisa da que parte IMAXINARIA, IV edición da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, que achega a Santiago de Compostela, un ano mais, o que se está a facer no ámbito da ilustración actual a nivel mundial. Unha exposición que, como ven sendo habitual, pon o foco nos traballos máis persoais e experimentais dos ilustradores e ilustradoras seleccionadas. Artistas cun alto perfil multidisciplinar, provenientes de diferentes sectores como a pintura, o cómic, o mural, o graffiti, a animación, a moda, o deseño gráfico ou o tattoo, e que teñen na ilustración o seu principal medio de expresión. Unha emancipada linguaxe artística a través da cal desenvolven todo o seu potencial creativo, dando renda solta á súa imaxinación.
Con IMAXINARIA mergullámonos nun percorrido visual onde estilos como o surrealismo, o pop e o naif están moi presentes. Ilustracións que na súa gran maioría toman da cultura popular e do folclore tradicional os seus grandes referentes estéticos, conseguindo crear potentes alegorías que nos convidan a reflexionar de maneira crítica sobre grandes temas universais, como a maneira que temos de relacionarnos, tanto entre nós como co noso entorno. Unhas representacións que en algúns casos atopan no humor e o sarcasmo unha efectiva vía de comunicación que consegue a complicidade do que observa, e que noutros, están mais vinculados con procesos catárticos de superación de certos medos e experiencias vitais de corte máis persoal. En conxunto, todo un imaxinario colectivo composto de metáforas, ensoñacións, fábulas, sentimentos, medos e emocións que os creadores e creadoras pasan polo filtro da imaxinación para darlles forma, configurando un universo singular onde é posible misturar o mundo real coa fantasía, e no que a ilustración funciona como un portal creativo capaz de unir o imaxinado co tanxible.
A mostra busca resaltar, tamén, a constante experimentación de soportes e formatos que caracterizan a produción dos e das creadoras, e cos que conseguen expresar dunha maneira máis libre a súas ideas, completando o significado do representado a través das diferentes texturas e posibilidades dos propios materiais empregados. Falamos de teas, fíos de algodón, la, ferro forxado, cerámica ou microcemento que conviven de forma natural con técnicas como a serigrafía, o acrílico, o guache, a acuarela, o bolígrafo e a ilustración dixital. Unha liberdade creativa que, sen dúbida, pon de manifesto a capacidade propia e singular que ten a ilustración de crear novos universos e novas formas de ver a realidade.
A exposición ILUSTRAD/AS: unha mirada á creación feminina na ilustración de vangarda segue coa súa andaina itinerante polas diferentes sedes do Instituto Cervantes. Actualmente atópase en Belgrado, onde foi inaugurada o pasado 14 de maio con un gran éxito de público e repercusión en medios, tendo unha moi boa acollida na capital serbia. A exposición poderase ver na céntrica sala de exposicións do Instituto Cervantes de Belgrado ata finas de agosto. Xa en setembro, a exposición viaxará a Frankfurt, onde temos previsto inaugurala o vindeiro 23 de setembro.
O 4 de xuño terá lugar en Ribadavia a sexta edición do Ukp Day!
A británica Alondra Bentley e Francisco Nixon, o exlíder da afamada banda dos noventa Australian Blonde, completan un programa musical que contará tamén coa presenza do recoñecido artista local Emilio José, que ofrecerá unha sesión DJ especial, o portugués André Julio Turquesa e os galegos Mallou, Helen & Shanna e Nelson Quinteiro. Un programa de actuacións que ten como sinal de identidade a exclusividade dos seus concertos, xa que os artistas adaptan o seu repertorio ao ukelele, ou cavaquinho portugués, ofrecendo así unha experiencia única nun marco incomparable como é o Castelo medieval de Ribadavia.
Ademais dos concertos, durante o festival levaranse a cabo outras actividades complementarias como os obradoiros infantís, unha serie de intervencións artísticas en directo de ilustración e graffiti e un mercado creativo de deseñadoras.
Ukpday é un deses festivais con encanto, que apostan por contidos diferentes e orixinais. Esta edición volve ter no Concello de Ribadavia o seu principal impulsor e promotor. Ademais, Cervezas Alhambra apoia novamente este evento invitando a saborear as súas referencias ao compás das mellores propostas musicais. O festival tamén conta coa colaboración da Xunta de Galicia para difundir as ventaxas do Carné Xove; así como de Viña Costeira e Compostela Campers.
A sexta edición do Ukpday vai ter lugar en horario de tarde, a partir das 17:00h e cunha entrada de pago a un prezo popular de 5€, que será de balde para os menores de 12 anos.
ACTUALIZACIÓN POST: preme na imaxe para ver o vídeo reumo desta edición
Remata o ano, e sen dúbida, 2021 foi un ano cheo de ilustración cósmica, principalmente pola exposición itinerante de ILUSTRAD/AS: unha mirada á ilustración feminina de vangarda. Unha exposición comisariada para o Instituto Cervantes, para exhibila nalgunhas das sedes internacionais da entidade, e que arrancou a principios de ano no Instituto Cervantes de Nova York, ao que lle seguiron Chicago, París e Manchester, onde se encontra agora mesmo exposta ata o 26 de febreiro de 2022.
ILUSTRAD/AS xorde da segunda edición da Mostra Internacional de Ilustración Contemporáneacomo unha exposición independente, con voz propia, onde se reúnen a 12 das ilustradoras máis punteiras da actualidade e que formaban parte da mostra. Son artistas que destacan polo seu estilo persoal e que son as creadoras de moitos dos libros ilustrados máis aclamados na actualidade. Un traballo editorial que está presente na exposición, compartindo espazo con outros tipos de traballos máis persoais e creativos, onde moitas das ilustradoras exploran os propios límites da ilustración, ou introducen novos formatos: falamos de serigrafías, colaxes, cerámicas, risografías, debuxo dixital, esculturas e intervencións que conviven coa arte máis tradicional do debuxo en acuarela, lapis de cores ou tinta chinesa.
En conxunto, a exposición ofrece un achegamento á ilustración contemporánea actual, poñendo o foco no traballo feminino que, sen dúbida, vai á cabeza da vangarda tanto na renovación editorial como na procura de novos formatos e técnicas. Salientando, ademais, o traballo autoral galego, xa que a metade das artistas escollidas son de Galicia ou afincadas na nosa comunidade. Falamos de Bea Lema, Iria do Castelo, Iria Fafián, Lara Lars, Nuria Figueiredo e Pelo di Cane, cuxas pezas viaxan con esta exposición como embaixadoras do talento galego. Completan a escolla as artistas nacionais: Helena Pérez García, Malota, María Hesse, Sara Landeta, Sonia Pulido, e a chilena Luísa Rivera.
A nivel conceptual, ILUSTRAD/AS xira ao redor de temas universais como a nosa relación coa natureza ou a mirada en clave feminista do rol actual da muller e a maneira de representala.
No último mes deste ano queremos rememorar un dos eventos máis senlleiros do Gato Cósmico, como é o Ukp Day, o festival que supuxo a evolución do primeiro proxecto cósmico: o Ukelele Kit Project, e que volveu centrar nese instrumento a xornada do primeiro sábado de xuño. Despois de telo cancelado polo Covid na edición de 2020, no 2021 conseguimos sacalo adiante cun formato moi reducido e controlado sanitariamente para evitar riscos innecesarios. Os protagonistas foron os galegos Néboa e o artista catalán Enric Montefusco, que ofreceron dous concertos únicos no Auditorio do Castelo de Ribadavia. Agora, que xa temos a vista na edición de 2022, queremos compartir por aquí o vídeo resumo desta edición tan diferente como especial
Ademais, debido á pandemia e a cancelación da edición do 2020, decidimos dar un paso máis na conexión do festival con Portugal realizando o documento audiovisual da Ruta do Cavaquinho: o son que conecta Braga con Ribadavia, co que buscamos resaltar de maneira simbólica e creativa a conexión que se establece entre a cidade portuguesa de Braga, lugar de orixe do cavaquinho (posteriormente coñecido como ukelele) con Ribadavia, onde realizamos o Ukp Day.
O documental comeza coa creación de maneira artesanal dun cavaquinho nun dos talleres máis antigos e famados de Braga, o do luthier Alfredo Machado. Este cavaquinho é recollido por unha rapaza que emprende un percorrido que comeza en Portugal e que conecta na fronteira de Galicia co rio Miño, o cal seguirá a contracorrente ata chegar ao seu destino, Ribadavia. O camiño elexido transcorre por espazos de gran beleza vencellados ao Miño, poñendo o foco na riqueza natural e patrimonial do interior de Galicia. Nestes lugares, a rapaza protagonista, irase atopando con algúns dos artistas que tocaron en edicións pasadas do festival como os galegos Momboi, Astrogirl, Silvia Penide ou o portugués Julio Turquesa. Catro cancións diferentes que teñen en común o ukelele e que crean metafóricamente un único son que conecta o pasado tradicional co presente.
O documental foi realizado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.
Pronto anunciaremos novas da edición de 2022, permanecede atentos!
O pasado 21 de xaneiro inauguramos a exposición A Caza de Alberto Vázquez, artista coruñés, gañador do Premio Castelao de Banda Deseñada en 2019, e agora nomeado aos Goya coa curtametraxe de animación Homeless Home. Esta mostra componse de 22 pezas orixinais realizadas en tinta chinesa sobre soporte de pvc, que proveñen dunha exposición comisariada por Jaime Oiza para Viñetas do Atlántico 2020 e cedidas para a actividade FELiiC, Feira de Edición e Libro Ilustrado que organiza a Deputación de Coruña no marco da III Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea MiiC3 CROMÁTICA que está a ter lugar na Sede Afundación de Santiago de Compostela.
“Mundo propio e persoal”, “debuxo expresivo que xera unidade narrativa” e “imaxes que se manteñen na retina do lector”. Con estes argumentos o xurado da 14ª edición do premio Castelao de Banda Deseñada decidiu distinguir A caza, do coruñés Alberto Vázquez.
Ambientado nunha contorna selvática, A caza penetra na historia dun home primitivo que persegue un animal. Mediante unha narración chea de metáforas e unha gráfica que oscila entre a abstracción e a figuración, trátanse temas universais como o conflito entre ser humano e natureza, a contaminación ou a emigración.
Destaca pola utilización dun grafismo moi sólido realizado coa técnica do sumi-e con tinta chinesa [técnica de pintura xurdida no século II na China, considerada ‘arte do esencial’]. “Alberto Vázquez sorpréndenos cun cambio de rexistro que remite aos clásicos da temperá novela gráfica, como Ward ou Masereel, pero que podería retrotraernos ata Altamira, ou ao relato dun chamán xunto ao lume. Un cómic atávico, poderoso, absorbente e musical”. Afirmou o recoñecido historietista Albert Monteys que, ademais, foi un dos membros do xurado desa edición.
O autor, Alberto Vázquez (A Coruña, 1980), quen tras cómics como Psiconautas ou El Evangelio de Judas, labrouse unha consistente traxectoria de director de animación que lle levou a gañar tres premios Goya coas curtas Birdboy e Decorado, e o de mellor película de animación pola adaptación de Psiconautas, volve ao cómic coa banda deseñada A caza.
Os seus libros foron editados en países como España, Francia, Italia, O Brasil e Corea. As súas creacións audiovisuais obtiveron máis de 60 premios internacionais e foron exhibidas en prestixiosos festivais de todo o mundo como Cannes, Toronto, Annecy, Clermont- Ferrand, Zagreb ou Park City ( Slamdance).
>> A exposición pode verse ata o 27 de febreiro de 2021 na Sede Afundación Santiago de Compostela (Rúa do Vilar 19). Horario: de luns a venres de 17h e 21h e o sábado de 12h a 14h e de 17h a 21h. Entrada de balde.