Ukp Day é o primeiro festival de música de ukelele do Noroeste Peninsular. Unha iniciativa que xurdiu a raíz do primeiro proxecto artístico que fixemos en solitario: o Ukelele Kit Projec (2014), coñecido tamén como UKP 😉
Artistas de Galicia e Portugal déronse cita o pasado 1 de xuño neste festival, que concibimos como unha romaría para tódolos públicos, logrando xuntar nun só día diversas actividades que apostan pola difusión das novas tendencias contemporáneas e o fomento da creatividade dos máis pequenos.
O gran protagonista da xornada foi o ukelele, un instrumento que colleu fama en Hawai pero que ten a súa orixe no cavaquinho portugués, de aí que a presenza de artistas do país veciño sexa unha constante dentro do programa. Este ano, a lisboeta Rita Braga e a vimaranense Mathilda puxeron o aceno luso dentro dun festival onde a presenza galega tamén foi moi importante, apostando sempre por formacións novas e de calidade, “auténticas xoias por descubrir”, como é o caso da coruñesa Astrogirl, os composteláns Momboi ou os ourensáns Banet. O broche de ouro puxoo o dúo formado polos xa recoñecidos Silvia Penide e Felix Arias, que levaron ao Auditorio do Castelo o seu proxecto conxunto Canciones Ajenas.
Ese día tamén se levaron a cabo outras actividades complementarias como exposicións, obradoiros infantís, intervencións artísticas, charlas, mercado creativo e postos de gastronomía. Outro atractivo do festival é o espazo no que se realiza: o interior do castelo medieval de Ribadavia do século XI, un marco incomparable para un evento destas características e que busca resaltar o seu valor patrimonial.