III Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea

Despois de todos estes meses de parón, volvemos a actividade por todo lo alto! Dende o pasado 22 de outubro xa podedes visitar a III Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, ou #MiiC3, na Sede Afundación de Santiago de Compostela.

A cor como elemento primordial de expresión artística é o motivo sobre o que gravita esta nova edición, que nos achega, un ano máis, ao que se está a facer dentro da área da ilustración de vangarda a nivel mundial. Unha mostra que, por vez primeira, ven definida por un adxectivo que funciona á súa vez como nome propio, CROMÁTICA, e co que marcamos o punto de partida para adentrarnos nun percorrido visual onde a cor é fragmentada en múltiples significados atendendo a conceptos culturais, estéticos ou emocionais.

CROMÁTICA é unha reflexion sobre a importancia que ten a cor como elemento esencial da ilustración e o uso artístico que dela fan as creadoras e creadores, poñendo o foco nos seus traballos máis persoais e creativos. Artistas que innovan e experimentan coas múltiples combinacións posibles, e que xogan coa propia maneira de representala. Dende as cores planas máis ligadas ao deseño gráfico, ata a súa representación máis abstracta e pura, pasando pola súa descomposición en figuras xeométricas, a búsqueda de diferentes texturas, ou a través do uso da liña de cor como elemento definidor. Artistas multidisciplinares que traballan coa esencia das belas artes, pero que demostran unha gran versatilidade en formatos e técnicas. A colaxe, o ​gouache​, a serigrafía, a animación, a cerámica ou o tecido, son algúns dos exemplos presentes aquí, destacando especialmente o uso da ilustración dixital, unha técnica que supón un avance sen precedentes á hora de reproducir novas cores e tonalidades.

CROMÁTICA afonda tamén nas diferentes interpretacións que lle damos ao propio termo “cor”, xa sexa ligado a unha raza, a unha estética, a un sentimento ou a unha expresión. Mergullámonos, así, na interpretación ilustrada dun mundo no que as autoras e autores profundan nas súas experiencias vitais e culturais, indagando nos aspectos e emocións que nos definen como individuos dentro dunha colectividade, pero con identidade propia. Retratos, autorretraros, escenas cotiás ou oníricas conforman unha escolma que presta especial atención ao gusto subxectivo do estético e que sitúa no primeiro plano a representación de sentimentos e arquetipos universais coas que todas e todos nos identificamos.

CROMÁTICA // Sede Afundación Santiago (Rúa do Vilar 19) // De luns a venres de 17h a 21h // Sábado de 12h a 14h e de 17h a 21h // De balde // A mostra foi prorrogada ata o 27 de febreiro de 2021.