MiiC na Rúa é unha actividade que se celebra na popular Rúa do Vilar de Compostela ata o 21 de decembro, impulsada polo Concello de Santiago de Compostela dentro do marco da III Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, MiiC3, que se pode visitar na Sede Afundación da rúa do Vilar ata o 13 de febreiro.
Participan as artistas galegas Abi Castillo e Iris Branco; os galegos Hector Pichel, Tayone, e Oscar Raña; e a arxentina afincada en Galicia, Agustina Shuan. As intervencións serán de carácter simultáneo e terán lugar este sábado en horario de 16h a 21h. Os establecementos que participan da iniciativa son: Espadela, Vestopazzo, Morgana, Astor Decoración, Librería San Pablo e a Sombreirería Iglesias. Todos situados na rúa do Vilar, configurando así unha ruta que se vai poder consultar a través dun código QR en todos os escaparates. As intervencións estarán visibles por un mes, ata o 21 de decembro.

Á hora de seleccionar aos artistas e os escaparates a intervir tívose en conta tanto os estilos dos propios artistas como o espírutu ou esencia de cada establecemento. Así por un lado temos as combinacións máis abstractas e xeométricas, e tamén as máis coloridas, de Tayone ou Oscar Raña, ou as de tipo máis figurativo, dentro da ilustración máis tradicional, como de Abi Castillo, Hector Pichel ou Agustina Shuan, que apostan ademais polo branco como cor principal das súas composicións. E por último, a inclusión de técnicas máis orixinais como o tapeart, que vai utilizar Iris Branco, e que consiste na utilización de diferentes cintas adhesivas de cores para realizar a composición. Diferentes estilos e diferentes maneiras de compoñer que recollen a esencia da propia mostra, que busca sempre resaltar a ilustración como un dos medios de expresión máis creativos e orixinais que existen.
Con MiiC na Rúa buscamos que a rúa do Vilar se configure como unha extensión da propia exposición, que a mostra saia á rúa e participe dela, achegando a ilustración ao espazo público inmediato que a rodea, e poñendo o foco especialmente no comercio local, tendo en conta a situación tan difícil pola que están a pasar.
MiiC na Rúa tamén conta coa colaboración de Afundación. Obra Social ABANCA e Xunta de Galicia.
E así foi #MiiCnaRúa (actualización post):