O pasado 21 de xaneiro inauguramos a exposición A Caza de Alberto Vázquez, artista coruñés, gañador do Premio Castelao de Banda Deseñada en 2019, e agora nomeado aos Goya coa curtametraxe de animación Homeless Home. Esta mostra componse de 22 pezas orixinais realizadas en tinta chinesa sobre soporte de pvc, que proveñen dunha exposición comisariada por Jaime Oiza para Viñetas do Atlántico 2020 e cedidas para a actividade FELiiC, Feira de Edición e Libro Ilustrado que organiza a Deputación de Coruña no marco da III Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea MiiC3 CROMÁTICA que está a ter lugar na Sede Afundación de Santiago de Compostela.
“Mundo propio e persoal”, “debuxo expresivo que xera unidade narrativa” e “imaxes que se manteñen na retina do lector”. Con estes argumentos o xurado da 14ª edición do premio Castelao de Banda Deseñada decidiu distinguir A caza, do coruñés Alberto Vázquez.
Ambientado nunha contorna selvática, A caza penetra na historia dun home primitivo que persegue un animal. Mediante unha narración chea de metáforas e unha gráfica que oscila entre a abstracción e a figuración, trátanse temas universais como o conflito entre ser humano e natureza, a contaminación ou a emigración.
Destaca pola utilización dun grafismo moi sólido realizado coa técnica do sumi-e con tinta chinesa [técnica de pintura xurdida no século II na China, considerada ‘arte do esencial’]. “Alberto Vázquez sorpréndenos cun cambio de rexistro que remite aos clásicos da temperá novela gráfica, como Ward ou Masereel, pero que podería retrotraernos ata Altamira, ou ao relato dun chamán xunto ao lume. Un cómic atávico, poderoso, absorbente e musical”. Afirmou o recoñecido historietista Albert Monteys que, ademais, foi un dos membros do xurado desa edición.
O autor, Alberto Vázquez (A Coruña, 1980), quen tras cómics como Psiconautas ou El Evangelio de Judas, labrouse unha consistente traxectoria de director de animación que lle levou a gañar tres premios Goya coas curtas Birdboy e Decorado, e o de mellor película de animación pola adaptación de Psiconautas, volve ao cómic coa banda deseñada A caza.
Os seus libros foron editados en países como España, Francia, Italia, O Brasil e Corea. As súas creacións audiovisuais obtiveron máis de 60 premios internacionais e foron exhibidas en prestixiosos festivais de todo o mundo como Cannes, Toronto, Annecy, Clermont- Ferrand, Zagreb ou Park City ( Slamdance).
>> A exposición pode verse ata o 27 de febreiro de 2021 na Sede Afundación Santiago de Compostela (Rúa do Vilar 19). Horario: de luns a venres de 17h e 21h e o sábado de 12h a 14h e de 17h a 21h. Entrada de balde.