Así foi o Ukp Day de 2021

No último mes deste ano queremos rememorar un dos eventos máis senlleiros do Gato Cósmico, como é o Ukp Day, o festival que supuxo a evolución do primeiro proxecto cósmico: o Ukelele Kit Project, e que volveu centrar nese instrumento a xornada do primeiro sábado de xuño. Despois de telo cancelado polo Covid na edición de 2020, no 2021 conseguimos sacalo adiante cun formato moi reducido e controlado sanitariamente para evitar riscos innecesarios. Os protagonistas foron os galegos Néboa e o artista catalán Enric Montefusco, que ofreceron dous concertos únicos no Auditorio do Castelo de Ribadavia. Agora, que xa temos a vista na edición de 2022, queremos compartir por aquí o vídeo resumo desta edición tan diferente como especial

Ademais, debido á pandemia e a cancelación da edición do 2020, decidimos dar un paso máis na conexión do festival con Portugal realizando o documento audiovisual da Ruta do Cavaquinho: o son que conecta Braga con Ribadavia, co que buscamos resaltar de maneira simbólica e creativa a conexión que se establece entre a cidade portuguesa de Braga, lugar de orixe do cavaquinho (posteriormente coñecido como ukelele) con Ribadavia, onde realizamos o Ukp Day.

O documental comeza coa creación de maneira artesanal dun cavaquinho nun dos talleres máis antigos e famados de Braga, o do luthier Alfredo Machado. Este cavaquinho é recollido por unha rapaza que emprende un percorrido que comeza en Portugal e que conecta na fronteira de Galicia co rio Miño, o cal seguirá a contracorrente ata chegar ao seu destino, Ribadavia. O camiño elexido transcorre por espazos de gran beleza vencellados ao Miño, poñendo o foco na riqueza natural e patrimonial do interior de Galicia. Nestes lugares, a rapaza protagonista, irase atopando con algúns dos artistas que tocaron en edicións pasadas do festival como os galegos Momboi, Astrogirl, Silvia Penide ou o portugués Julio Turquesa. Catro cancións diferentes que teñen en común o ukelele e que crean metafóricamente un único son que conecta o pasado tradicional co presente.

O documental foi realizado ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21.

Pronto anunciaremos novas da edición de 2022, permanecede atentos!