2021, o ano das ILUSTRAD/AS

Remata o ano, e sen dúbida, 2021 foi un ano cheo de ilustración cósmica, principalmente pola exposición itinerante de ILUSTRAD/AS: unha mirada á ilustración feminina de vangarda. Unha exposición comisariada para o Instituto Cervantes, para exhibila nalgunhas das sedes internacionais da entidade, e que arrancou a principios de ano no Instituto Cervantes de Nova York, ao que lle seguiron Chicago, París e Manchester, onde se encontra agora mesmo exposta ata o 26 de febreiro de 2022.

ILUSTRAD/AS xorde da segunda edición da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea como unha exposición independente, con voz propia, onde se reúnen a 12 das ilustradoras máis punteiras da actualidade e que formaban parte da mostra. Son artistas que destacan polo seu estilo persoal e que son as creadoras de moitos dos libros ilustrados máis aclamados na actualidade. Un traballo editorial que está presente na exposición, compartindo espazo con outros tipos de traballos máis persoais e creativos, onde moitas das ilustradoras exploran os propios límites da ilustración, ou introducen novos formatos: falamos de serigrafías, colaxes, cerámicas, risografías, debuxo dixital, esculturas e intervencións que conviven coa arte máis tradicional do debuxo en acuarela, lapis de cores ou tinta chinesa.

En conxunto, a exposición ofrece un achegamento á ilustración contemporánea actual, poñendo o foco no traballo feminino que, sen dúbida, vai á cabeza da vangarda tanto na renovación editorial como na procura de novos formatos e técnicas. Salientando, ademais, o traballo autoral galego, xa que a metade das artistas escollidas son de Galicia ou afincadas na nosa comunidade. Falamos de Bea Lema, Iria do Castelo, Iria Fafián, Lara Lars, Nuria Figueiredo e Pelo di Cane, cuxas pezas viaxan con esta exposición como embaixadoras do talento galego. Completan a escolla as artistas nacionais: Helena Pérez García, Malota, María Hesse, Sara Landeta, Sonia Pulido, e a chilena Luísa Rivera.

A nivel conceptual, ILUSTRAD/AS xira ao redor de temas universais como a nosa relación coa natureza ou a mirada en clave feminista do rol actual da muller e a maneira de representala.

A exposición ven acompañada dun catálogo deseñado pola artista Rebeca Arce e que se pode adquirir no seguinte enlace: https://www.unebook.es/es/libro/ilustradas_277908

No 2022 continuaremos con esta viaxe tan bonita e enriquecedora. Anunciaremos as novas paradas en breve 😉