O 4 de xuño terá lugar en Ribadavia a sexta edición do Ukp Day!

A británica Alondra Bentley e Francisco Nixon, o exlíder da afamada banda dos noventa Australian Blonde, completan un programa musical que contará tamén coa presenza do recoñecido artista local Emilio José, que ofrecerá unha sesión DJ especial, o portugués André Julio Turquesa e os galegos Mallou, Helen & Shanna e Nelson Quinteiro. Un programa de actuacións que ten como sinal de identidade a exclusividade dos seus concertos, xa que os artistas adaptan o seu repertorio ao ukelele, ou cavaquinho portugués, ofrecendo así unha experiencia única nun marco incomparable como é o Castelo medieval de Ribadavia.
Ademais dos concertos, durante o festival levaranse a cabo outras actividades complementarias como os obradoiros infantís, unha serie de intervencións artísticas en directo de ilustración e graffiti e un mercado creativo de deseñadoras.
Ukpday é un deses festivais con encanto, que apostan por contidos diferentes e orixinais. Esta edición volve ter no Concello de Ribadavia o seu principal impulsor e promotor. Ademais, Cervezas Alhambra apoia novamente este evento invitando a saborear as súas referencias ao compás das mellores propostas musicais. O festival tamén conta coa colaboración da Xunta de Galicia para difundir as ventaxas do Carné Xove; así como de Viña Costeira e Compostela Campers.
A sexta edición do Ukpday vai ter lugar en horario de tarde, a partir das 17:00h e cunha entrada de pago a un prezo popular de 5€, que será de balde para os menores de 12 anos.
ACTUALIZACIÓN POST: preme na imaxe para ver o vídeo reumo desta edición
