IMAXINARIA – MiiC4

A IV Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea xa está en marcha!

A imaxinación como refuxio, inspiración e xermolo fundamental do proceso creativo, é a premisa da que parte IMAXINARIA, IV edición da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea, que achega a Santiago de Compostela, un ano mais, o que se está a facer no ámbito da ilustración actual a nivel mundial. Unha exposición que, como ven sendo habitual, pon o foco nos traballos máis persoais e experimentais dos ilustradores e ilustradoras seleccionadas. Artistas cun alto perfil multidisciplinar, provenientes de diferentes sectores como a pintura, o cómic, o mural, o graffiti, a animación, a moda, o deseño gráfico ou o tattoo, e que teñen na ilustración o seu principal medio de expresión. Unha emancipada linguaxe artística a través da cal desenvolven todo o seu potencial creativo, dando renda solta á súa imaxinación. 

Con IMAXINARIA mergullámonos nun percorrido visual onde estilos como o surrealismo, o pop e o naif están moi presentes. Ilustracións que na súa gran maioría toman da cultura popular e do folclore tradicional os seus grandes referentes estéticos, conseguindo crear potentes alegorías que nos convidan a reflexionar de maneira crítica sobre grandes temas universais, como a maneira que temos de relacionarnos, tanto entre nós como co noso entorno. Unhas representacións que en algúns casos atopan no humor e o sarcasmo unha efectiva vía de comunicación que consegue a complicidade do que observa, e que noutros, están mais vinculados con procesos catárticos de superación de certos medos e experiencias vitais de corte máis persoal. En conxunto, todo un imaxinario colectivo composto de metáforas, ensoñacións, fábulas, sentimentos, medos e emocións que os creadores e creadoras pasan polo filtro da imaxinación para darlles forma, configurando un universo singular onde é posible misturar o mundo real coa fantasía,  e no que  a ilustración funciona como un portal creativo capaz de unir o imaxinado co tanxible. 

A mostra busca resaltar, tamén, a constante experimentación de soportes e formatos que caracterizan a produción dos e das creadoras, e cos que conseguen expresar dunha maneira máis libre a súas ideas, completando o significado do representado a través das diferentes texturas e posibilidades dos propios materiais empregados. Falamos de teas, fíos de algodón, la, ferro forxado, cerámica ou microcemento que conviven de forma natural con técnicas como a serigrafía, o acrílico, o guache, a acuarela, o bolígrafo e a ilustración dixital. Unha liberdade creativa que, sen dúbida, pon de manifesto a capacidade propia e singular que ten a ilustración de crear novos universos e novas formas de ver a realidade.

Comisaria: Matilde Rodríguez

>> Actualización horarios: de luns a sábado de 12:00h a 14:00h e de 16:30h a 20:30h. Entrada de balde.