Este sábado vai ter lugar a FELiiC: Feira de Edición e Libro Ilustrado no marco das actividades de IMAXINARIA, IV Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea que segue na Sede Afundación Santiago e que podedes ver ata o vindeiro 18 de febreiro.
A FELiiC é unha iniciativa que se centra na edición e autoedición de libros ilustrados que están relacionados directamente cos traballos das ilustradoras e ilustradores que participan na MiiC (Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea), facendo especial fincapé, ademáis, na difusión do Premio Castelao de Banda Deseñada organizado pola Deputación da Coruña.

A xornada vaise distribuir en torno a un programa de charlas que teñen como finalidade acercarnos ao traballo de artistas, facer unha radiografía da situación actual do sector, e indagar nas novas tendencias en canto a contidos. O evento completase cunha pequena feira onde o público poderá mercar as publicacións das autoras e editoriais convidadas, así como as novidades editorias no eido dos libros ilustrados.

O obxectivo de FELiiC é resaltar a importancia do traballo das ilustradoras e ilustradores á hora de ter que completar unha narración literaria a través das súas interpretacións ilustradas, así como cando se enfrontan ao momento de crear os seus propios proxectos co fin de ser editados ou autoeditados. Ademais, resalta o traballo das editoriais que apostan por edicións moi coidadas onde a ilustración é tan protagonista coma o texto, poñendo así en valor o formato do libro ilustrado como un todo artístico que enriquece e fomenta a lectura.