As noites interiores reúne por primeira vez, e nun mesmo espazo, as series fotográficas máis recentes do artista galego Jesús Madriñán (Santiago de Compostela, 1984). Unha improvisada triloxía integrada por Good Night London (2011), Boas Noites (2013) e Dopo Roma (2016) a través da cal podemos observar a evolución do propio artista tanto no terreo artístico como no profesional e persoal, condicionantes vitais no desenvolvemento da súa obra.

Tres series, tres contextos, tres etapas
O punto de partida situámolo en Londres, cidade a que Jesús Madriñán se traslada no ano 2011 para realizar un Mestrado de Deseño Comunicativo e Fotografía na afamada Central Saint Martins. Alí descobre a cámara de gran formato e, a diferenza dos artistas da súa xeración, abandona o medio dixital para empezar a experimentar co analóxico, conseguindo as calidades e texturas desexadas para o seu traballo. O retrato de estudio será o seu formato primario, ata que decide levalo máis alá e trasladalo fóra, ao exterior, instalando efémeros ateliers en espazos tan atípicos como son os clubs de Londres. O resultado, Good Night London, un magnífico retrato xeracional dunha xuventude que non experimenta pudor ante o obxectivo, demasiado afeita a retratarse dentro dunha sociedade en que impera o culto á imaxe individual como medio de comunicación das diferentes redes sociais. Un contorno dixital que contrasta directamente coas técnicas analóxicas empregadas polo artista e das que se vale para capturar a modernidade que o rodea da maneira máis clásica, o que dá lugar a unha serie de retratos fotográficos de marcado corte pictórico, con tintes caravaggescos, de fortes claroscuros e modelos pouco convencionais que lle serven para plasmar unha instantánea real dunha xeración tan concreta como universal.
Finalizada a súa estadía británica, e xa instalado en Galicia, será cando decida afondar máis no seu proxecto fotográfico, contrapoñendo a postura cool londiniense coas discotecas rurais galegas. Comeza así Boas Noites, unha serie supeditada á idiosincrasia da propia temática: o ocio da Galicia que se concentra en vilas e aldeas, fóra das cidades, onde se levantan modernos templos nocturnos que aglutinan a mocidade dunha mesma zona. Espazos normalmente afastados dos centros poboados e que introducen un elemento novo no seu traballo, a natureza. Bosques galegos que abrazan as macro discotecas e que o artista retrata como personaxes máis da noite, testem uñas da diversión allea, levando o estudio ao interior da vexetación máis salvaxe, escura e autóctona que de maneira harmoniosa consegue vencellar coa quietude que transmiten os rostros dos que están dentro, illados, adolescentes imperturbables de xestos conxelados inmersos nun bulicio natural silenciado.
Será no ano 2016 cando xurda unha nova oportunidade de ampliar o seu estudo de campo, tras ser elixido como un dos beneficiarios da prestixiosa bolsa para artistas da Real Academia Española en Roma, o que supón un novo espazo xeográfico na vida do artista. O xerme do proxecto segue sendo o mesmo pero con matices. Nace a última serie, Dopo Roma, onde a escuridade dos afters é substituída pola luz clara dos amenceres, primeiras luces do día que nos esbozan unha contorna máis definida, onde os rostros e actitudes dos retratados son os que reflicten a noite xa vivida, extinguida. A xuventude en estado puro enmarcada dentro dunhas paisaxes de fondo que nos transportan lixeiramente á Italia doutra época, de miradas enigmáticas, de giocondas contemporáneas que nos interpelan directamente, sabéndose libres de poder mostrarse tal e como son.
Tres series xuntas que compoñen unha mesma obra, un mesmo concepto, o documento fotográfico dunha xeración individualizada nun medio completamente homoxéneo. Retratos en que percibimos a madurez do artista e a súa capacidade para capturar a beleza fugaz de forma transcendente. Unha galería de rostros que nos invita a observar os que nos observan desde esas noites interiores tantas veces vividas, noites infinitas ateigadas de xestos ensaiados, de miradas perdidas, de naturezas salvaxes, de horas imprecisas.
Comisaria: Matilde Rodríguez (O Gato Cósmico).
Inauguración: 2 de novembro de 2017 ás 20:00h // Entrada de balde